O venres día 30, a partir das 22:30 horas, haberá un pasacalles da Banda de Música de Foz (Lugo) e da Banda de Música Unión de Guláns, dense a casa do Concello ata a praza Maior, onde ofrecerán un concerto.
A Banda de Música de Foz é unha agrupación de recente creación, a súa presentación foi no ano 1993, e formouse como consecuencia da posta en funcionamento, no ano anterior, da Escola Municipal de Música de Foz. No seu currículum figuran actuacións en localidades da provincia de Lugo, así como da comunidade Asturiana; ten realizado actuación en diversos programas da TVG (Luar, Galicia Enteira, Con música propia, etc.). Ao longo destes anos a batuta estivo en mans de D. Arcadio Mon García (fundador da banda), de D. José Luís Fernández Carreiras, e desde setembro do 2008 a responsabilidade da dirección está a cargo de D. Ismael Porto Barciela, nado en Guláns, e que iniciou a súa andaina musical na Banda Unión de Guláns.
A Banda Unión de Guláns, unha das máis antigas de Galicia , fundouse no ano 1870, é un exemplo vivo da formación musical que supoñen as bandas populares na nosa terra. Viveiro de músicos, directores e compositores de grande talla como son Rogelio Groba Groba, Indalecio Fernández, José Carracedo, Miguel Groba, e un longo abano de músicos espallados por as máis diversas formacións musicais do estado. Na actualidade esta dirixidá por Dona Alicia Porto Fernández, outra música xurdida da escola de música da Banda Unión de Guláns.
Estas dúas agrupacións musicais: Banda de Música de Foz e Banda de Música Unión de Guláns, na compaña doutra banda local como é a Banda de Música Xuvenil de Xinzo, actuarán no Festival de Bandas, que terá lugar o domingo día 1 no centro cultural A Visoureira de Guláns.